GAL

Declaración Fundacional da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos

Introdución

Os participantes no “Foro Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos” esperamos que a Rede que comeza a súa andaina hoxe mediante a presente declaración constitúa especialmente para o futuro, un punto de encontro de diferentes pobos do mundo. Tanto dos que son plenamente recoñecidos como dos que non o son aínda. E á vez desexaríamos que o mesmo evento fose un paso adiante cara ao progreso da Humanidade, en que todos os pobos cheguen a ser igualmente respectados, pola entidade e dignidade sen excepción que lles corresponde.

O recoñecemento dos dereitos colectivos: unha noción incontestábel

Somos conscientes de que estes desexos non son aínda compartidos por moita xente. Por aqueles que non cren na existencia real dos dereitos colectivos dos pobos, e por conseguinte, sosteñen que a súa invocación non pode ser un referente de achegamento para todos. Ou por aqueles que opinan que a defensa dos dereitos colectivos dos pobos minimiza o valor dos dereitos humanos individuais, xa que son, segundo o seu punto de vista, os únicos dereitos aceptados e recoñecidos polas instancias internacionais máis representativas, empezando pola mesma ONU. Atopamos entre os adversarios dos dereitos colectivos dos pobos mesmo persoas dunha innegábel traxectoria progresista en favor dos dereitos humanos.

Un longo camiño cara ao recoñecemento dos dereitos colectivos dos pobos.

A pesares destas obxeccións, é evidente que estes últimos anos avanzouse moito na comprensión e aceptación dos dereitos colectivos dos pobos. A ONU avalounos, despois de nomealos, de forma explícita, na súa “Declaración Universal sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas”, aprobada en 2007, despois de tantas tomas súas de posición a favor desta dimensión dos dereitos humanos, como son os Pactos económicos, sociais e culturais dos anos 1960, nos que os dereitos colectivos non ocupan, porén, un espazo relevante.

Aínda así, estamos lonxe dunha definición e formulación suficientemente satisfactorias, posto que dan pé a interpretacións arbitrarias, principalmente respecto ao dereito colectivo máis fundamental dos pobos, é dicir, o dereito de autodeterminación. O respecto a este dereito depende efectivamente das instancias internacionais, as cales deciden sobre os criterios que definen certas comunidades como pobos, aínda que non estea recoñecida aínda, de forma única e universal, ningunha definición do termo “pobo”.

Estas deficiencias amósannos, con toda crueldade, o difícil camiño que debemos andar antes de chegar á meta de introducir os dereitos colectivos dos pobos no máis alto da escala de valores da humanidade, como dereitos esenciais para construír unha convivencia democrática, xusta e en paz.

A historia, incluída a contemporánea, e mesmo a actualidade, ensínannos que a negación da existencia dos pobos e da súa cultura propia, a limitación das súas decisións e os tratos discriminatorios dos cales foron ou son aínda vítimas, foron e son aínda fonte de conflitos, de violencia, de negación dos dereitos humanos, pudendo chegar ata prácticas xenocidas.

Afirmamos en consecuencia que a igualdade de recoñecemento e de dereitos para todos os pobos no concerto da humanidade é unha das condicións fundamentais da paz no Mundo. Queremos ser actores deste paso maior para a Paz.

Sabemos, de entrada, que chegaremos antes á meta se sobre todo os membros dos pobos non recoñecidos nos propoñemos tomar posición a favor da liberación dos pobos, converténdonos en pioneiros e, á vez, en pontes e mediadores para tecer unha rede de complicidades, de cooperación entre todos os que se preocupan polos dereitos humanos. Para realizar esta tarefa temos uns precedentes que nos animan e nos sosteñen.

En efecto, recordamos que foron, en primeiro lugar, representantes de diversas nacións sen estado, en especial de nacións indíxenas de América, os que chegaron a introducir na axenda do Foro Social Mundial de 2009, en Belém do Pará, en terra de pobos indíxenas do Brasil, a cuestión dos dereitos colectivos dos pobos como un tema esencial para construír outro mundo posíbel. Este éxito foi capaz, xa entón, de captar a atención de moitas persoas que, ata entón, eran alleas ou se sentían afastadas duns dereitos que, como mínimo, consideraban secundarios fronte a tantos outros problemas que sacoden a humanidade. As propostas que se fixeron no marco daquela sesión do Foro Social Mundial, en concreto no chamado « Espazo polos Dereitos Colectivos dos Pobos », inspirábanse na « Declaración Universal sobre os Dereitos Colectivos dos Pobos » escrita por expertos de todo o mundo e difundida pola CONSEU (Conferencia de Nacións sen Estado de Europa) en 1990. A citada « Declaración Universal sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas » foi lida como unha confirmación autorizada das citadas propostas.

Os dereitos colectivos dos pobos como fundamento dun mundo máis xusto

Destas e doutras iniciativas xurdíu o convencemento, cada vez máis compartido, de que só respectando, con plenitude, os dereitos colectivos dos pobos é posíbel respectar completamente os dereitos humanos individuais. Non ao revés. Porque se un pobo non é respectado nos seus dereitos, entre outros, á autodeterminación ou á soberanía, como calquera pobo que xa a posúe, os membros daquel pobo veranse limitados nos seus dereitos persoais: a súa lingua será rebaixada, a súa cultura será relegada a segundo plano, a súa presenza internacional será mediatizada, etc.

Considerados desde esta perspectiva, os dereitos colectivos dos pobos aparecen nun primeiro plano no compromiso que se debe tomar para facer un Planeta Terra máis habitábel. Dentro das coordenadas do altermundialismo, que se erixe no contexto de globalización, de crise de civilización, de afirmación dos valores capaces de converter a utopía de que outro mundo é posíbel nunha realidade tanxíbel.

A pesares da evidencia destas constatacións e probas, é evidente que a humanidade non dispón dos medios suficientes para promover a causa dos dereitos colectivos dos pobos, a pesares de seren esenciais para edificar unha democracia e, polo tanto, unha convivencia con futuro para todo o mundo e sen fronteiras de ningún tipo.

Coa fin de colaborar na creación destes medios tan necesarios, un grupo de persoas e colectivos pertencentes a nacións sen Estado, tomamos a iniciativa de instaurar unha “Rede polos Dereitos Colectivos dos Pobos”, fundada en Girona, cidade histórica do pobo catalán, comprometéndonos a traballar para facer converxer progresivamente o maior número de persoas e pobos.

Identidade e obxectivos

A Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos é un espazo de articulación dos movementos e organizacións de todo o mundo que actúan para o recoñecemento, a promoción e a posta en marcha dos seus dereitos.

Está aberta á participación de asociacións, organizacións e movementos sociais, sindicais e políticos, que inclúan entre as súas prioridades a promoción e a defensa democrática dos dereitos colectivos dos pobos e o dereito á súa autodeterminación.

Esta Rede nace no marco do Foro Social Mundial, na súa edición de Belém o ano 2009. En consecuencia, a Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos adhire integramente os principios expostos na Carta de Principios do FSM. A Rede será membra activa do FSM, achegando os seus argumentos e propostas, solidariamente cos outros movementos e loitas que forman parte desta.

A Rede organizarase e traballará por todo o mundo para:

– A coordinación e articulación dos actores sociais e políticos a escala mundial que traballan en favor dos dereitos colectivos dos pobos.

  • A lexitimación dos dereitos colectivos dos pobos cuxa existencia non está plenamente recoñecida na orde xurídica internacional pública.
  • O recoñecemento do dereito á autodeterminación alén dos territorios recoñecidos como colonias pola ONU, estendéndoo a todos aqueles pobos que democraticamente queiran exercer o seu dereito a decidir.
  • A promoción do recoñecemento dos dereitos colectivos dos pobos nas institucións e organismos internacionais, en especial no sistema da ONU.
  • O apoio aos movementos e organizacións de todo o mundo que loitan polos seus dereitos colectivos.
  • A busca e aplicación de modelos democráticos e formas políticas de organización da sociedade, que superen as limitacións do actual modelo de Estado, máis inclusivas, participativas, respectuosas coa diversidade e cos dereitos humanos individuais e colectivos, construíndo novas sociedades máis democráticas, xustas e sostíbeis.
  • A defensa do territorio, das linguas, das culturas, e dos bens naturais como patrimonio de toda a humanidade e como elementos básicos para a existencia de todo pobo, defendéndoos de todo tipo de agresión.
  • A denuncia de todas as formas de represión que ataquen a lexítima defensa e promoción dos dereitos colectivos dos pobos.

Organización

Coa fin de alcanzar estes obxectivos, a Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, organizarase mediante:

Unha Asemblea Xeral, que se celebrará cada dous anos, coa participación de todos os membros, que debaterá e decidirá sobre a axenda política e organizativa da Rede.

Grupos de traballo, acordados pola Asemblea Xeral, que desenvolverán debates, iniciativas e actividades específicas. Estes grupos de traballo poderán ser de dúas modalidades: temáticos e por tipo de organización. Neste segundo caso poderán ser de: asociacións, sindicatos e movementos políticos.

Cada grupo de traballo terá unha organización coordinadora, que exercerá esta función por un período dun ano, ampliábel como máximo nun mes.

Un grupo facilitador formado polas organizacións coordinadoras dos grupos de traballo e pola secretaría internacional.

Unha secretaría internacional que exercerá as funcións de coordinación e dinamización xerais.

Axenda

No período 2010-2011, a Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, levará a cabo as seguintes iniciativas:

  • Convocar e organizar a segunda Asemblea Xeral
  • Legalización da Rede como asociación internacional
  • Solicitude de entrada no Consello Internacional do FSM
  • Participación no proceso “Crise de Civilización e Paradigmas Alternativos” no marco do FSM
  • Organizar un espazo polos dereitos Colectivos dos pobos no FSM 2011 en Dakar
  • Desenvolvemento dos medios de comunicación electrónica necesarios para o seu funcionamento interno, así como para a súa comunicación externa.
  • Organización dunha iniciativa pública descentralizada en defensa dos dereitos colectivos dos pobos entorno ao 12 de outubro de cada ano.
  • Xestións para participar en encontros para defender os dereitos colectivos dos pobos no seo da ONU.
  • Estruturación dun grupo de traballo de xuristas formado e organizado para axudar as organizacións e grupos das nacións sen Estado a pór en marcha os recursos pertinentes ante as estruturas e instancias internacionais de control ao respecto dos dereitos dos pobos que figuran nas normas internacionais existentes, e as posíbeis sancións por carencia destes dereitos.

Girona, 26 de abril de 2010, Países Cataláns

Anuncis

Deixa un comentari

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

Esteu comentant fent servir el compte WordPress.com. Log Out / Canvia )

Twitter picture

Esteu comentant fent servir el compte Twitter. Log Out / Canvia )

Facebook photo

Esteu comentant fent servir el compte Facebook. Log Out / Canvia )

Google+ photo

Esteu comentant fent servir el compte Google+. Log Out / Canvia )

S'està connectant a %s